Timocito

Un timocito é unha célula inmunitaria presente no timo antes de que sufra transformacións para converterse en célula T.[1] Os timocitos orixínanse a partir de células nais da medula ósea e chegan ao timo por vía sanguínea. A timopoese é o proceso por medio do que os timocitos se transforman en células T maduras despois de sufriren unha selección negativa ou positiva. Este proceso de selección ten unha importancia vital para converter a poboación de timocitos nunha poboación periférica de células T que teñan capacidade de responder ante patóxenos externos, pero sigan sendo tolerantes aos antíxenos corporais propios. A selección positiva selecciona células que poden unirse ás moléculas do complexo maior de histocompatibilidade de tipo MHC I e MHC II con polo menos unha feble afinidade. Isto elimina (por un proceso chamado "morte por ignorancia" ou indiferenza clonal) aquelas células T que que non serían funcionais debido á súa incapacidade de unirse ao MHC. A selección negativa destrúe os timocitos que teñan unha alta afinidade por MHC ou péptidos propios. Isto elimina células que dirixirían respostas inmunes contra proteínas propias na periferia. A selección negativa non é efectiva ao 100% e algunhas células T autorreactivas escapan e son liberadas á circulación. Existen mecanismos adicionais de tolerancia periférica que silencian estas células, mais se estes mecanismos fallan pode orixinarse unha autoinmunidade.

  1. Dorland's Medical Dictionary thymocyte

© MMXXIII Rich X Search. We shall prevail. All rights reserved. Rich X Search